Ir ó contido

Ir ó índice

TEMA DE PORTADA | A BIBLIA. UNHA HISTORIA DE SUPERVIVENCIA

A Biblia sobrevive á oposición

A Biblia sobrevive á oposición

O ATAQUE. Moitos líderes políticos e relixiosos tiñan obxectivos incompatibles coa mensaxe da Biblia. Moitas veces, valéronse da súa autoridade para evitar que as persoas puidesen ter, producir ou traducir as Escrituras. Imos ver dous exemplos:

  • Arredor do ano 167 antes da nosa era, o rei seléucida Antíoco Epífanes ordenou destruír tódalas copias das Escrituras Hebreas porque quería impoñer a relixión grega ós xudeus. O historiador Heinrich Graetz escribiu que os seus funcionarios “esnaquizaron e queimaron os rolos da Lei alá onde os atopaban, e mataron a tódolos que atoparon lendo nela en busca de forza e consolo”.

  • Na Idade Media, a algúns líderes católicos molestáballes que os laicos predicasen o que ensina a Biblia en lugar dos dogmas da Igrexa. Acusaban de herexe a calquera laico que tivese algún libro da Biblia fóra dos Salmos en latín. Un concilio eclesiástico mesmo ordenou que se “buscasen os herexes con dilixencia, lealdade e frecuencia [...] rexistrando tódalas casas e cámaras subterráneas que estivesen baixo sospeita”. E engadía: “A casa na que se atope un herexe deberá ser destruída”.

Se os inimigos da Biblia lograsen acabar con ela, a súa mensaxe xa tería desaparecido.

A tradución da Biblia ó inglés de William Tyndale sobreviviu a unha prohibición, á queima de exemplares e á execución do propio Tyndale en 1536.

COMO SOBREVIVIU A BIBLIA. O rei Antíoco centrou os seus ataques en Israel. Con todo, os xudeus estableceran comunidades noutras nacións. Os expertos calculan que, para o primeiro século, máis do 60% dos xudeus vivían fóra de Israel. Nas súas sinagogas conservaban copias das Escrituras; as mesmas copias que usaron as seguintes xeracións, incluídos tamén os cristiáns (Feitos 15:21).

Na Idade Media, os que amaban a Biblia seguiron traducindo e copiando as Escrituras a pesar da persecución. Antes de que se inventase a imprenta de tipos móbiles a mediados do século XV, é posible que xa estivesen dispoñibles porcións da Biblia nuns trinta e tres idiomas. E a partir de aí, traduciuse e imprimiuse a unha velocidade sen precedentes.

O RESULTADO. A pesar das ameazas de reis poderosos e de clérigos que estaban equivocados, a Biblia é o libro máis difundido e máis traducido de toda a historia. Influíu nas leis e nos idiomas dalgúns países, así como na vida de millóns de persoas.