Ir ó contido

Como debo orar? É o nosopai a mellor forma de facelo?

Como debo orar? É o nosopai a mellor forma de facelo?

O que di a Biblia

 Cando os discípulos de Xesús lle pediron: “Mestre, apréndenos a rezar”, el respondeulles coa oración do nosopai (Lucas 11:1). Esta oración dános unha guía sobre que temas podemos orar e como debemos facelo. Con todo, a oración do nosopai non é a única que Deus acepta. a De feito, Xesús déunola coma un exemplo das oracións que Deus escoita.

Neste artigo veremos o seguinte:

 Que di a oración do nosopai?

 A oración do nosopai, que atopamos en Mateo 6:9-13 escribiuse utilizando distintas palabras nas diferentes traducións da Biblia. Estes son dous exemplos:

 Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos (SEPT): “Noso Pai que estás no ceo, santificado sexa o teu nome; veña o teu Reino, fágase a túa vontade así na terra coma no ceo. Dános hoxe o noso pan de cada día. E perdoa as nosas débedas como tamén nós perdoamos xa ós nosos debedores. E non nos sometas á tentación, mais líbranos do Malo”.

 O Novo Testamento, versión de Avelino Gómez Ledo (AGL): “Pai noso que estás nos ceos, santificado sexa o teu nome, veña a nos o teu reiño, fágase a tua vontade así na terra coma no ceo. O pan noso de cada día dánolo hoxe, e perdóanos as nosas débedas, así coma nós perdoamos os nosos debedores; e non nos deixes cair na tentación, máis líbranos do mal”. b

 Cal é o significado da oración do nosopai?

 As ensinanzas de Xesús concordan co resto das Escrituras. Por iso, outras partes da Biblia pódennos axudar a entender o significado da oración do nosopai.

“Noso Pai que estás no ceo”

 Podemos dirixirnos a Deus como o “noso Pai” porque el é o noso Creador e deunos a vida (Isaías 64:7 [64:8,TNM]).

“Santificado sexa o teu nome”

 O nome de Deus, Xehová, debe de ser honrado e tratado como santo. c Os humanos podemos contribuír a santificar o nome de Deus cando falamos con outros das súas calidades e o seu propósito (Isaías 6:3, TNM; 42:8).

“Veña o teu Reino”

 O Reino de Deus é un goberno celestial, no que Xesús é o Rei. Xesús ensinounos a orar para que este Reino goberne sobre a Terra (Daniel 2:44; Apocalipse 11:15).

“Fágase a túa vontade así na terra coma no ceo”

 No ceo non existe a maldade nin a morte. Do mesmo xeito, a vontade de Deus para a Terra é que tódalas persoas vivan para sempre en paz e seguridade (Salmo 37:11, 29).

“Dános hoxe o noso pan de cada día”

 Nos días de Xesús, o pan era un alimento básico. Debemos recordar que dependemos do noso Creador para ter as cousas que nos fan falta para vivir (Feitos 17:24, 25).

“Perdoa as nosas débedas como tamén nós perdoamos xa ós nosos debedores”

 Neste contexto a palabra “débedas” é outra forma de referirse ós pecados (Lucas 11:4). Todos erramos e necesitamos o perdón. Pero se queremos que Deus nos perdoe, debemos de estar dispostos a perdoar a outros (Mateo 6:14, 15).

“Non nos sometas á tentación, mais líbranos do Malo”

 Xehová nunca nos tenta para que fagamos o mal (Santiago 1:13). Quen nos tenta é Satanás, o “Maligno”, a quen tamén se lle chama “o tentador” (1 Xoán 5:19; Mateo 4:1-4). Por iso, con esta petición estamos rogándolle a Xehová que nos axude a obedecelo cando nos enfrontamos a unha tentación.

 É a oración do nosopai a única forma de orar?

 Xesús utilizou a oración do nosopai coma un modelo para nós, pero non para que a recitemos palabra por palabra. De feito, xusto antes de ensinar o nosopai, Xesús advertiu: “Na oración non seades paroleiros como lles pasa aos pagáns” (Mateo 6:7, EME). Ademais, cando Xesús orou noutra ocasión utilizou palabras diferentes (Lucas 11:2-4).

 A mellor forma de orar é contarlle a Deus nas nosas palabras como nos sentimos e que pensamos (Salmo 62:9 [62:8, TNM]).

 Como deberiamos orar?

 O nosopai dános un bo exemplo de como debemos orar para que Deus nos escoite. Mira como coincide con outros textos da Biblia que falan sobre a oración.

  •   Ora soamente a Deus

     Texto bíblico: “En todo presentádelle a Deus as vosas peticións con oracións de súplica e acción de gracias” (Filipenses 4:6).

     Significado: As nosas oracións deben ir dirixidas a Deus e non a Xesús, nin a María, nin ós santos. O nosopai comeza coa expresión “Noso pai”, o que nos ensina que debemos orarlle soamente a Xehová Deus.

  •   Ora por cousas que concorden coa vontade de Deus

     Texto bíblico: “Estamos certos de que nos escoita, se o que lle pedimos está conforme coa súa vontade” (1 Xoán 5:14).

     Significado: Podemos orar sobre calquera cousa que estea en harmonía co propósito de Deus. Xesús ensinounos a importancia de ter isto en conta cando dixo “fágase a túa vontade”. Se estudamos a Biblia podemos aprender cal é a vontade de Deus para a Terra e os humanos.

  •   Ora sobre as túas preocupacións

     Texto bíblico: “Bota a túa carga sobre Xehová, e el vaite soster. Xamais permitirá que caia o xusto” (Salmo 55:22, TNM).

     Significado: Deus preocúpase por nós. Igual que Xesús tamén fixo varias peticións persoais no nosopai, nós podemos orarlle a Deus polas nosas necesidades físicas diarias. Tamén para que nos axude a tomar decisións importantes, en busca de apoio nos momentos difíciles e para que nos perdoe os nosos erros. d

a Por exemplo, Xesús e os seus discípulos oraron noutras ocasións utilizando palabras diferentes ás que atopamos no nosopai (Lucas 23:34; Filipenses 1:9, TNM).

b Algunhas Biblias, como a versión Reina Valera, termina a oración do nosopai co que se coñece como unha doxoloxía (unha expresión de louvanza a Deus): “Porque teu é o reino, e o poder, e a gloria, por tódolos séculos. Amén”. O Comentario Bíblico “San Jerónimo” afirma: “Nos manuscritos máis dignos de confianza non aparece a doxoloxía”.

c Este nome tamén pode traducirse como Iavé.

d Algúns séntense culpables de máis para orarlle a Deus polo seu perdón. A estes Xehová failles a seguinte invitación: “Agora vinde acá, e razoemos xuntos” (Isaías 1:18). El non rexeitará a ninguén que busque sinceramente o seu perdón.