Ir ó contido

Que di a Biblia sobre o aborto?

Que di a Biblia sobre o aborto?

O que di a Biblia

 A Biblia non usa a palabra “aborto” para referirse á interrupción voluntaria do embarazo. Non obstante, en moitos versículos móstrase cal é o punto de vista de Deus sobre a vida humana, incluída a dun bebé que aínda non naceu.

 A vida é un regalo de Deus (Xénese 9:6; Salmo 36:10 [36:9,TNM]). El considera que tódalas vidas son moi valiosas, incluída a dun neno que está no ventre da súa nai. Así que se alguén interrompe de forma voluntaria un embarazo é o mesmo que se cometese asasinato.

 A Lei que Deus lles deu ós israelitas dicía: “Se uns homes que están pelexando mancan unha muller embarazada e ela dá a luz antes de tempo pero ninguén morre, o culpable debe pagar o que o home da muller lle esixa polos danos causados. Ten que pagar de acordo co que decidan os xuíces. Pero, se alguén morre, tes que dar vida por vida” (Éxodo 21:22, 23, TNM). a

 Cando comeza a vida dunha persoa?

 Para Deus, a vida dunha persoa comeza no momento da concepción. Cada vez que na Biblia se fala dun neno que aínda non naceu deixa claro que Deus o ve como unha persoa con identidade propia. Vexamos algúns exemplos que mostran que Deus non fai distinción entre a vida dun neno que aínda está no ventre da súa nai e a dun que xa naceu.

  •   Baixo inspiración divina, o rei David díxolle a Deus: “Os teus ollos víronme ata cando eu era un embrión” (Salmo 139:16, TNM). Para Deus, David xa era unha persoa mesmo antes de nacer.

  •   Da mesma maneira, antes de que o profeta Xeremías nacese, Deus xa sabía que lle ía dar unha responsabilidade especial. Díxolle: “Antes de que te sacara do seo da túa nai, mireite; antes de lle saíres das entrañas, consagreite; constituínte profeta para as nacións” (Xeremías 1:5).

  •   O escritor bíblico Lucas, que era médico, usou a mesma palabra grega para referirse tanto a un bebé non nacido como a un que acababa de nacer (Lucas 1:41; 2:12, 16).

 Perdoará Deus a alguén que interrompeu o seu embarazo de maneira voluntaria?

 Deus pode perdoar a quen interrompeu o seu embarazo de maneira voluntaria. Cando unha persoa chega a comprender o punto de vista de Xehová b sobre a vida e o acepta, poida que sinta que o seu pecado non ten perdón. Pero El non quere que se sinta así. De feito, na Biblia di: “O Señor é misericordioso e clemente [...]; canto dista o nacente do poñente, así arreda de nós as nosas culpas” (Salmo 103:8-12). Xehová perdoa os que se arrepinten sinceramente polos seus pecados do pasado, incluído o aborto (Salmo 86:5).

 Está mal abortar se a vida da nai ou do neno está en perigo?

 En vista do que di a Biblia sobre a vida dun bebé que aínda non naceu, non estaría xustificado que alguén abortase porque exista un perigo potencial para a saúde da nai ou do neno.

 E que pasaría se ocorre unha situación excepcional de emerxencia na que hai que escoller entre salvar a vida da nai ou a do fillo? Nese caso, a parella é a que debe decidir que vida intentará salvar.

a Algunhas traducións da Biblia dan a entender que na Lei que Deus lle deu a Israel o importante era o que lle pasase á nai e non ó feto. Non obstante, o texto hebreo orixinal refírese a un accidente no que morresen calquera dos dous, tanto a nai como o neno.

b Segundo a Biblia, Xehová é o nome de Deus. Este nome tamén pode traducirse como Iavé (Isaías 42:8).