Ir ó contido

PREGUNTAS DA XUVENTUDE

Como podo mellorar as miñas conversas?

Como podo mellorar as miñas conversas?

 Por que falar cara a cara?

 Algunhas persoas din que falar cara a cara é máis difícil e estresante que facelo con mensaxes de texto.

 “Como non podes editar nin borrar nada do que dis, hai mais presión cando falas cara a cara” (Anna).

 “As mensaxes de texto son coma un programa gravado, mentres que falar en persoa é coma un programa en directo. O único no que penso cando estou falando con alguén é: ‘Non metas a zoca!’” (Jean).

 Pensa que, tarde ou cedo, necesitarás saber como falar con outros en persoa. Por exemplo, para facer novos amigos, para conseguir e manter un traballo ou cando esteas preparado para comezar a saír con alguén.

 A boa noticia é que non tes por que terlle medo a falar con outros en persoa. Incluso se es tímido, podes aprender a facelo.

 “Ás veces dirás algunha cousa mal e sentirás vergonza. É inevitable. Pero non tes que tomarte demasiado en serio” (Neal).

 Como iniciar unha conversa

  •   Fai preguntas. Pensa nun tema que lle poida interesar á xente e despois úsao para iniciar unha conversa. Por exemplo:

     “Fuches de viaxe a algún sitio este último verán?”

     “Esta páxina web está moi ben. Entraches algunha vez?”

     “Escoitaches falar de . . . ?”

     Para ser máis específicos, pensa en algo que teñas en común con esa persoa. Por exemplo, fostes á mesma escola ou tedes o mesmo traballo? Usa esa información para facer algunha pregunta e iniciar unha conversa.

     “Pensa en preguntas que che parezan interesantes e das que che gustaría saber a resposta” (Maritza).

     Ten coidado: Non convertas a conversación nun interrogatorio facendo unha pregunta tras outra. Ademais, intenta non facer preguntas demasiado persoais, como por exemplo, “Cal é o teu maior medo?” ou “Por que levas sempre roupa azul?”. Poderías facer que alguén se sinta incómodo ou mesmo que pense que o criticas.

     Tamén podes evitar que pareza un interrogatorio se dás a túa opinión sobre o tema, antes ou despois de que a outra persoa responda. Noutras palabras, fai que sexa unha conversa e non unha entrevista.

    Coas túas preguntas parece que estás interrogando á xente?

     Principio bíblico: “Os pensamentos do corazón do home son coma augas profundas, pero o home discernidor sabe sacalos” (Proverbios 20:5, TNM).

  •   Saber escoitar. O teu éxito para continuar unha conversa depende máis de que saibas escoitar que da túa habilidade para falar.

     “O meu obxectivo é aprender algo novo da persoa coa que estou falando. Despois intento recordar o que me dixo para continuar a conversa a próxima vez que nos vexamos” (Tamara).

     Ten coidado: Non te preocupes polo que dirás despois. Se escoitas con atención, saberás que responder para continuar a conversación coa outra persoa.

     Principio bíblico: “Todo home sexa espelido para escoitar, calmo para falar” (Santiago 1:19).

  •   Mostra interese sincero. Desfrutarás moito máis da conversa se te interesas pola persoa coa que estás falando.

     “Cando fas que a outra persoa sinta que realmente che importa o que está dicindo, a conversación será moi agradable, incluso se hai algún silencio incómodo” (Marie).

     Ten coidado: Non fagas preguntas demasiado persoais. Dicir algo como, “Que abrigo máis bonito. Canto che custou?” podería non ser apropiado.

     Principio bíblico: “Non mirar cada un polo que lle ten conta a el, senón tamén polo que llela ten ós outros” (Filipenses 2:4).

 Como podes rematar a conversación? Un mozo que se chama Jordan dá esta suxestión: “Intenta terminar a conversa de forma positiva”. E engade: “Dicir algo como, ‘Gustoume moito falar contigo’ ou ‘Que teñas un bo día!’ pode axudar a que teñades outra boa conversa a próxima vez que faledes”.