Ir ó contido

Cren as testemuñas de Xehová no Antigo Testamento?

Cren as testemuñas de Xehová no Antigo Testamento?

 Si. As testemuñas de Xehová cremos que toda a Biblia “está inspirada por Deus e é útil” (2a Timoteo 3:16). Iso inclúe tanto o Antigo Testamento coma o Novo Testamento, como se lles coñece. Normalmente as testemuñas de Xehová referímonos a estas seccións da Biblia como as Escrituras Hebreas e as Escrituras Gregas Cristiás. Así evitamos que pareza que algunha parte da Biblia está anticuada ou non é importante.

Por que son necesarios para os cristiáns tanto o Antigo coma o Novo Testamento?

 Baixo a inspiración divina, o apóstolo cristián Paulo escribiu: “Todo canto antigamente se escribiu, escribiuse para a nosa instrucción” (Romanos 15:4). Polo tanto, as Escrituras Hebreas tamén conteñen información valiosa para nós. Entre outras cousas, inclúen importantes feitos históricos e consellos prácticos.

  •   Feitos históricos. As Escrituras Hebreas explican con todo detalle a creación e como a humanidade caeu no pecado. Sen esta información non teriamos respostas convincentes a preguntas como: de onde vimos? Por que morremos? (Xénese 2:7, 17) Ademais, as Escrituras Hebreas mostran como Deus tratou as persoas que pasaron por vivencias parecidas ás nosas (Santiago 5:17).

  •   Consellos prácticos. Nos libros bíblicos de Proverbios e Eclesiastés, que tamén forman parte das Escrituras Hebreas, atopamos consellos moi útiles para a nosa vida: como manter unha vida familiar feliz (Proverbios 15:17), como ver o traballo de xeito equilibrado (Proverbios 10:4; Eclesiastés 4:6), ou como poden os máis novos aproveitar os anos mozos (Eclesiastés 11:9-12:1).

 Tamén pode ser moi beneficioso estudar a Lei de Moisés tal e como aparece na Tora, ou Pentateuco (os primeiros cinco libros da Biblia). Aínda que os cristiáns non están obrigados a obedecer esta Lei, os principios que contén poden axudarnos a ter unha vida feliz (Levítico 19:18; Deuteronomio 6:5-7).