Ir ó contido

Por que non van á guerra as testemuñas de Xehová?

Por que non van á guerra as testemuñas de Xehová?

 As testemuñas de Xehová non imos á guerra polas seguintes razóns:

  1.   Por obediencia a Deus. A Biblia di que os servos de Deus “coas espadas forxarán arados“, “coas lanzas, podadeiras”, e que non “aprenderán de novo a face-la guerra” (Isaías 2:4).

  2.   Por obediencia a Xesús. Xesús díxolle ó apóstolo Pedro: “Volve a espada ó seu sitio, pois tódolos que levan espada pola espada perecerán” (Mateo 26:52). Así que Xesús ensinou que os seus seguidores non deben utilizar armas.

     Os discípulos de Xesús obedecemos o seu mandamento de manternos neutrais en temas políticos (Xoán 17:16). Por iso, nin protestamos polas accións militares nin nos opoñemos a que outros sirvan nas forzas armadas.

  3.   Por amor ó próximo. Xesús mandou ós seus discípulos: “Amádevos uns a outros” (Xoán 13:34, 35). Polo tanto, formamos unha irmandade internacional na que ninguén guerreará contra o seu irmán ou irmá (1a Xoán 3:10-12).

  4.   Polo exemplo dos primeiros cristiáns. Unha obra de consulta di: “Os primeiros seguidores de Xesús rexeitaron a guerra e o servizo militar” porque esas prácticas eran “incompatibles coa ética do amor de Xesús e co mandado de que amasen ós seus inimigos” (Encyclopedia of Religion and War). Igualmente, o teólogo alemán Peter Meinhold dixo sobre os primeiros discípulos de Xesús: “Non era compatible ser cristián e soldado”.

Somos bos cidadáns

 As testemuñas de Xehová somos membros útiles da comunidade na que vivimos, e non supoñemos ningunha ameaza á seguridade. Respectamos a autoridade dos gobernos, seguindo os seguintes principios da Biblia:

  •   “Sométase toda persoa ás autoridades” (Romanos 13:1).

  •   “Pois logo dádelle ó César o que é do César e a Deus o que é de Deus” (Mateo 22:21).

 Polo tanto, obedecemos as leis, pagamos os impostos, e colaboramos coas autoridades para o benestar da sociedade.