Ir ó contido

Galería de fotos de Gran Bretaña Nº 9 (setembro de 2019 a febreiro de 2020)

Galería de fotos de Gran Bretaña Nº 9 (setembro de 2019 a febreiro de 2020)

 Nas seguintes fotografías, poderás ver os avances realizados nas obras da nova sucursal das Testemuñas de Xehová de Gran Bretaña entre setembro de 2019 e febreiro de 2020, e como se comezaron xa a empregar estas instalacións.

  1. Edificio de produción norte (produción de vídeos)

  2. Edificio de produción sur (mantemento e servizos)

  3. Edificio de oficinas

  4. Edificio de vivendas A

  5. Edificio de vivendas B

  6. Edificio de vivendas C

  7. Edificio de vivendas D

  8. Edificio de vivendas E

  9. Edificio de vivendas F

10 de setembro de 2019. Edificio de oficinas

Dúas paisaxistas angazan o solo para sementar céspede. Ó fondo están os edificios de vivendas A e B.

19 de setembro de 2019. Edificio de oficinas

O lago artificial que está detrás do edificio de oficinas forma parte, xunto con outros lagos da propiedade de Chelmsford, dun sistema de drenaxe sostible deseñado para imitar a drenaxe natural. Este sistema mellora a calidade da auga, reduce o risco de inundacións e contribúe a enriquecer o entorno tanto para as persoas coma para os animais.

19 de setembro de 2019. Edificio de oficinas

Un matrimonio do equipo de carpinteiros monta paneis divisorios nas novas oficinas.

14 de outubro de 2019. Edificio de vivendas A

Unha voluntaria do equipo de arquitectura coloca un letreiro na porta do salón de peiteado empregando un nivel láser.

28 de outubro de 2019. Terreos da nova sucursal

Un carpinteiro coloca un poste de orientación empregando un nivel. Estes sinais permiten que residentes e visitantes se orienten polas 34 hectáreas do complexo.

4 de novembro de 2019. Edificio de produción norte

Un representante dos bombeiros locais comproba a presión de auga dunha boca de incendios.

14 de novembro de 2019. Edificio de oficinas

Un membro do Comité do Proxecto de Construción dirixe a adoración matinal. Esta proba en directo fíxose para comprobar o bo funcionamento dos sistemas da nova sucursal. O programa transmitiuse a través de Internet á familia Betel de Londres.

19 de novembro de 2019. Edificio de produción norte

Un electricista instala un semáforo na entrada dunha zona de acceso restrinxido.

19 de novembro de 2019. Instalacións provisionais

Dúas voluntarias pelan cables para reciclar os fíos de cobre.

25 de novembro de 2019. Instalacións provisionais

No centro de visitantes, un guía explica o deseño da nova sucursal. Máis de 95.000 visitantes viñeron ver as instalacións durante a construción.

5 de decembro de 2019. Edificio de oficinas

Un membro do Comité de Sucursal de Gran Bretaña diríxelles unhas palabras ó equipo de construción na derradeira reunión mensual antes de que os departamentos de Betel asuman o coidado das instalacións. Máis de 11.000 voluntarios deron do seu tempo e enerxías para colaborar neste proxecto.

10 de decembro de 2019. Edificio de produción norte

O Equipo Rexional de Vídeo e o Departamento Local de Broadcasting reciben capacitación para empregaren as estruturas metálicas do novo estudio de gravación. Os voluntarios evitan danar as zonas acabadas empregando uns protectores azuis nos zapatos.

30 de decembro de 2019. Edificio de oficinas

Uns voluntarios barren area secada no forno para encher as xuntas dos lastros que forman o chan da estrada de acceso ó edificio de oficinas.

16 de xaneiro de 2020. Edificio de produción sur

Un mecánico fai o mantemento dun microbús no novo taller. A familia Betel non precisará máis dunha flota de microbuses porque as instalacións xa están todas no mesmo lugar. Os vehículos que non se precisen xa se poderán vender. Ó fondo pódese ver un vehículo empregado polo equipo de mantemento de exteriores.

29 de xaneiro de 2020. Edificio de vivendas D

Un equipo de mudanzas descarga as pertenzas dun betelita. Un grupo de 27 voluntarios axudoulles ós betelitas na mudanza entre os meses de xaneiro e febreiro. Para primeiros de marzo, xa toda a familia Betel vivía e traballaba na nova sucursal.

6 de febreiro de 2020. Edificio de oficinas

O persoal de cociña prepara unha ensalada para a familia Betel.

7 de febreiro de 2020. Vivendas provisionais

Transpórtase nun camión unha das casas temporais despois de vendela. Durante a construción empregáronse casas coma esta para aloxar algúns dos voluntarios. Estas vivendas estaban preto da nova sucursal e formaron parte dun plan para reducir as emisións de carbono durante a construción. Este plan foi recoñecido como innovador por BREEAM, un método internacional que avalía o grao de sustentabilidade ambiental das construcións. Ó fondo pódense ver os novos edificios de vivendas.

14 de febreiro de 2020. Edificio de oficinas

O Departamento de Tradución instala unha cabina insonorizada na que se fan gravacións de audio. Este estudio complementa as gravacións que se fan nas oficinas de tradución. Tamén o empregan os equipos de tradución a linguas locais que supervisa a sucursal de Gran Bretaña, tales como o gaélico, o irlandés e o escocés.

24 de febreiro de 2020. Edificio de oficinas

Un irmán do Departamento Local de Deseño e Construción (LDC) fala por videoconferencia co representante no campo do sueste de Inglaterra. Estes representantes do LDC mantéñense en contacto coa sucursal para tratar temas relacionados coa construción e mantemento de Salóns do Reino. Ó fondo, outros irmáns deciden sobre os sistemas de calefacción e ventilación que se empregarán nos Salóns do Reino novos e reformados.

25 de febreiro de 2020. Edificio de oficinas

Novos voluntarios externos chegan á recepción antes de asistir a unha reunión de benvida e coñecer o departamento no que traballarán. Cando a sucursal de Gran Bretaña comezou a funcionar dende Chelmsford, case cincocentos voluntarios externos axudaban cos traballos á familia Betel que serve a tempo completo. Ó fondo, dous técnicos comproban e axustan pantallas de televisión que formarán parte dunha exposición para os visitantes.