Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 24

Ninguén perdoa coma Xehová

Ninguén perdoa coma Xehová

“Ti, oh, Xehová, es bo e estás disposto a perdoar; o teu amor leal por tódolos que te chaman é inmenso” (SAL. 86:5, TNM).

CANCIÓN sn 6 A oración do servo de Deus

AVANCE *

1. Que aprendemos do que escribiu o rei Salomón en Eclesiastés 7:20?

 O REI Salomón escribiu: “Non hai na terra home tan perfecto que faga sempre o ben e nunca erre” (Ecl. 7:20). Que certas son estas palabras! Todos somos pecadores (1 Xn. 1:8). Así que todos necesitamos o perdón de Deus e doutras persoas.

2. Como nos sentimos cando un amigo ó que queremos moito nos perdoa?

2 Seguro que recordas algunha vez na que ofendiches un amigo ó que queres moito. Como querías solucionar o problema e volver a ser o seu amigo, desculpácheste de corazón. Como te sentiches cando o teu amigo te perdoou? Verdade que te alegraches e empezaches a sentirte mellor?

3. Que imos analizar neste artigo?

3 Todos queremos que Xehová sexa o noso mellor amigo. Pero, de vez en cando, dicimos ou facemos cousas que o ofenden. Entón, por que podemos estar seguros de que Xehová desexa perdoarnos? En que sentido é único o perdón de Xehová en comparación co perdón que nós podemos dar? E, por último, que temos que facer para que Deus nos perdoe?

XEHOVÁ ESTÁ DISPOSTO A PERDOAR

4. Por que podemos estar seguros de que Xehová está disposto a perdoar?

4 A Palabra de Deus asegúranos que Xehová está disposto a perdoar. Cando se describiu a si mesmo no monte Sinaí, Xehová díxolle a Moisés mediante un anxo: “O Señor, o Señor, Deus compasivo e benfeitor, tardo á ira, rico en amor e lealdade, que garda o seu amor ata a milésima xeración, que perdoa as culpas, os pecados e os erros” (Éx. 34:6, 7). Xehová é un Deus cariñoso e misericordioso que sempre está disposto a perdoar os pecadores que se arrepinten (Neh. 9:17; Sal. 86:15).

Xehová coñece tódalas cousas que influíron na nosa forma de ser (ver o parágrafo 5).

5. Xa que Xehová nos coñece tan ben, que se sente impulsado a facer? (Salmo 103:13, 14).

5 Como Xehová é o noso Creador, sabe todo sobre nós. Pensa no que isto significa. El coñece cada detalle de cada persoa deste planeta (Sal. 139:15-17). Así que pode ver tódalas imperfeccións que herdamos dos nosos pais. Incluso coñece tódalas cousas que nos pasaron na vida e influíron na nosa forma de ser. Xehová coñécenos tan ben que se sente impulsado a mostrarnos amor e misericordia (Sal. 78:39; le Salmo 103:13, 14).

6. Como demostrou Xehová que desexa perdoarnos?

6 Xehová demostrou que desexa perdoarnos. Comprende que todos somos pecadores e que estamos condenados a morrer por culpa do que fixo o primeiro home, Adam (Rm. 5:12). Ningún de nós pode facer nada para liberarse desta maldición, nin tampouco pode liberar a outros (Sal. 49:8-10 [49:7-9, TNM]). Pero como Xehová nos quere, mostrounos compaixón e fixo o necesario para liberarnos dela. Como o fixo? A Biblia di en Xoán 3:16 que Xehová enviou o seu Fillo unixénito para que morrese por nós (Mt. 20:28; Rm. 5:19). Deste xeito, calquera que demostrase ter fe en Xesús podería ser liberado desa maldición (Heb. 2:9). Canto sufrimento lle tivo que causar a Xehová ver morrer o seu querido Fillo dunha maneira tan humillante e dolorosa! Podemos estar seguros de que Xehová non permitiría que o seu Fillo morrese se non quixese perdoarnos.

7. Que exemplos bíblicos demostran que Xehová perdoa con xenerosidade?

7 A Biblia está chea de exemplos de persoas que Xehová perdoou con xenerosidade (Ef. 4:32). Ocórreseche algún? Poida que esteas pensando no rei Menaxés. Este home malvado pecou contra Xehová porque fixo cousas terribles. Por exemplo, adorou deuses falsos e animou a outros a facer o mesmo. Ademais, matou os seus propios fillos ofrecéndoos como sacrificios a deuses pagáns. E incluso chegou a poñer a imaxe tallada dun ídolo no templo de Xehová, un lugar sagrado. A Biblia di del: “Fixo a grande escala o que estaba mal ós ollos de Xehová para provocalo” (2 Cró. 33:2-7, TNM). Aínda así, cando Menaxés demostrou que estaba arrepentido de corazón, Xehová perdoouno e ata lle permitiu ser rei outra vez (2 Cró. 33:12, 13). Pode que tamén che veña á cabeza o rei David, que cometeu pecados moi graves contra Xehová, como por exemplo o adulterio e o asasinato. Pero cando David recoñeceu que pecara e se arrepentiu de corazón, Xehová tamén o perdoou (2 Sam. 12:9, 10, 13, 14). Polo tanto, podemos estar convencidos de que Xehová desexa perdoarnos. Vexamos agora como a súa capacidade de perdoar é única cando a comparamos coa que temos os seres humanos.

O PERDÓN DE XEHOVÁ É ÚNICO

8. Por que Xehová é o mellor Xuíz?

8 Xehová é “o que xulga a terra enteira” (Xén. 18:25). Un bo xuíz necesita comprender moi ben as leis. Xehová é quen mellor as coñece porque, ademais de ser o noso Xuíz, tamén é o noso Lexislador (Is. 33:22). É o único que sabe sempre o que está ben e o que está mal. Que máis fai falta para ser un bo xuíz? É necesario ter toda a información dun caso antes de ditaminar sentenza. Por iso Xehová é o mellor Xuíz, porque sempre coñece tódolos feitos.

9. Que información ten Xehová para decidir se vai perdoar ou non?

9 A diferenza dos xuíces humanos, Xehová sempre coñece todo o que hai detrás dunha situación (Xén. 18:20, 21; Sal. 90:8). El vai máis alá do que os humanos poden ver ou escoitar. Entende perfectamente como inflúen nas accións dunha persoa a súa xenética, a súa crianza e o lugar onde vive, e tamén a súa saúde emocional e mental. Ademais, Xehová tamén ve o corazón, así que pode coñecer as motivacións, intencións e desexos dunha persoa. Non hai nada que se lle poida esconder a Xehová (Pr. 15:3). Polo tanto, cando Deus perdoa é porque ten toda a información.

Xehová é xusto e imparcial. Ninguén o pode subornar (ver o parágrafo 10).

10. Por que podemos dicir que Xehová sempre xulga de maneira xusta? (Deuteronomio 32:4).

10 Xehová sempre xulga de maneira xusta. É totalmente imparcial, é dicir, o seu perdón nunca depende do aspecto, dos cartos, da fama ou das habilidades que teña unha persoa (1 Sam. 16:7; Sant. 2:1-4). Ninguén pode obrigalo ou subornalo (2 Cró. 19:7). O sentimentalismo ou a frustración nunca inflúen nas súas decisións (Éx. 34:7). Sen dúbida, Xehová é o mellor Xuíz porque coñece todo sobre nós e sobre a nosa situación (le Deuteronomio 32:4).

11. Por que é único o perdón de Xehová?

11 Os escritores das Escrituras Hebreas recoñeceron que o perdón de Xehová é único. Nalgúns casos usaron unha palabra hebrea que, segundo unha obra de referencia, “só se utiliza para describir como perdoa Deus os pecadores. Esa palabra nunca describe o perdón limitado que lle dá un humano a outro”. Só Xehová ten o poder para perdoar por completo a un pecador arrepentido. Entón, que pasa cando Xehová nos perdoa?

12, 13. a) De que pode desfrutar unha persoa cando Xehová a perdoa? b) Canto duran os beneficios do perdón de Xehová?

12 Cando estamos convencidos de que Xehová nos perdoou, sentímonos aliviados e desfrutamos de paz mental e dunha conciencia limpa. Ese perdón non pode vir das persoas, senón que ten que vir “de parte do Señor” (Feit. 3:19, 20 [3:19, TNM]). Cando Xehová nos perdoa é coma se ese pecado nunca existise, e permítenos volver a ser os seus amigos.

13 Despois de perdoarnos, Xehová nunca nos volve a acusar ou castigar por ese pecado (Is. 43:25; Xer. 31:34). El pon os nosos pecados tan lonxe como está “o nacente do poñente” (Sal. 103:12). * Cando pensamos no marabilloso que é o perdón de Xehová, sentímonos impresionados e moi agradecidos (Sal. 130:4). Pero, a quen perdoa Xehová?

A QUEN PERDOA XEHOVÁ?

14. Polo que vimos ata agora, que aprendemos sobre o perdón de Xehová?

14 Como vimos, o perdón de Xehová non depende de se o pecado é grande ou pequeno. Tamén aprendemos que el é o noso Creador, Lexislador e Xuíz, e que utiliza todo ese coñecemento para decidir se vai perdoar. Que outras cousas ten en conta Xehová?

15. Segundo Lucas 12:47, 48, cal é unha das cousas que ten en conta Xehová para perdoar?

15 Algo que Xehová analiza é se o pecador sabía que estaba facendo algo malo. Xesús destacou isto en Lucas 12:47, 48 (leo). Cando unha persoa planea facer algo malo e sabe ben que iso vai ofender a Xehová, comete un pecado grave e correría o perigo de que Deus non o perdoase (Mc. 3:29; Xn. 9:41). Pero temos que recoñecer que ás veces nos damos conta de que fixemos algo malo. Se iso pasa, podemos esperar que Deus nos perdoe? Claro que si! Imos ver outra cousa que ten en conta Xehová para decidir se vai perdoar ou non.

Podemos confiar en que Xehová nos perdoa cando nos arrepentimos de verdade (ver os parágrafos 16 e 17).

16. a) Que significa arrepentirse? b) Por que é necesario que nos arrepintamos para que Xehová nos perdoe?

16 Outra cousa que Xehová analiza é se o pecador está arrepentido de verdade. Que significa arrepentirse? Significa “cambiar a forma de pensar, a actitude e as intencións”. Implica que a persoa se lamente e se sinta moi triste polo que fixo mal, ou por non facer o que debía. Cando alguén se arrepinte, non só se sinte mal polas cousas malas que fixo, senón tamén polo que o levou a facelas: deixar que se debilitase a súa amizade con Xehová. Recorda que Menaxés e David cometeron pecados graves. Aínda así, Xehová perdoounos porque estaban arrepentidos de corazón (1 Re. 14:8). Xehová ten que ver probas de arrepentimento para poder perdoar. Non chega só con sentirnos mal; temos que actuar. * Isto lévanos a outra cousa que Xehová ten en conta.

17. a) Que é a conversión? (Isaías 55:7). b) Por que é tan importante converterse para non repetir os pecados do pasado?

17 Outra cousa importante que Xehová analiza é a conversión. Converterse significa “dar a volta”. Noutras palabras, a persoa debe deixar de facer o que está mal e empezar a vivir da maneira que lle agrada a Deus (le Isaías 55:7, TNM). Ademais, debe cambiar a súa forma de pensar e deixarse guiar por como pensa Xehová (Rm. 12:2; Ef. 4:23). Ten que estar decidida a deixar atrás os malos pensamentos e accións (Col. 3:7-10). Claro, Deus só pode perdoarnos e limpar os nosos pecados se temos fe no sacrificio de Cristo. E baséase no valor dese sacrificio para perdoarnos cando ve os nosos esforzos sinceros por cambiar a nosa conduta (1 Xn. 1:7).

CONFIEMOS EN QUE XEHOVÁ NOS PERDOARÁ

18. Que analizamos sobre o perdón de Xehová?

18 Repasemos brevemente algúns dos puntos importantes que analizamos. Vimos que non hai ninguén en todo o Universo que perdoe coma Xehová. Por que podemos dicir isto? Primeiro, el sempre está disposto a perdoar. Segundo, sabe todo sobre nós. Coñécenos perfectamente e é quen mellor pode determinar se estamos arrepentidos de verdade. E terceiro, cando Xehová nos perdoa é como se fixese borrón e conta nova, por así dicilo. Isto permítenos ter unha conciencia limpa e desfrutar da súa aprobación.

19. Aínda que somos imperfectos e seguiremos pecando, por que podemos sentirnos felices?

19 Mentres sexamos imperfectos, imos seguir pecando. Pero as palabras que atopamos na obra Perspicacia para comprender las Escrituras, volume 1, páxina 209, poden animarnos. Alí di: “Xehová é misericordioso e coñece ben as debilidades dos seus servos. Así que non teñen por que sentirse tristes todo o tempo por ser imperfectos e cometer erros (Sl 103:8-14; 130:3). Se están facendo todo o posible por vivir de acordo coas normas de Deus, poden sentirse felices (Flp 4:4-6; 1Xn 3:19-22)”. Canto nos anima saber isto, verdade?

20. Que imos analizar no próximo artigo?

20 Seguro que agradecemos moito que Xehová estea disposto a perdoarnos cando estamos arrepentidos de verdade dos pecados que cometemos. Pero, como podemos imitar o perdón de Xehová? En que se parece o noso perdón ó de Xehová, e en que se diferencia? Por que é importante coñecer esta diferenza? O próximo artigo contestará estas preguntas.

CANCIÓN sjj 45 O sentir do meu corazón

^ Na súa Palabra, Xehová asegúranos que desexa perdoar os pecadores que se arrepinten. Aínda así, ás veces poida que sintamos que non merecemos o seu perdón. Neste artigo, imos analizar por que podemos estar seguros de que o noso Deus sempre está disposto a perdoarnos cando nos arrepentimos de verdade dos pecados que cometemos.

^ Mira o libro Acerquémonos a Jehová, cap. 26, par. 9 (dispoñible en español).

^ IDEA IMPORTANTE:arrepentimento refírese a un cambio de actitude acompañado dun sincero pesar por un estilo de vida anterior, por actuar mal ou por non facer algo. O froito que produce o verdadeiro arrepentimento é un cambio na conduta.