Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 26

O amor axúdanos a superar os nosos medos

O amor axúdanos a superar os nosos medos

“O Señor está comigo: non teño cousa que temer” (SAL. 118:6).

CANCIÓN sjj 105 “Deus é amor”

AVANCE *

1. Cales son algúns medos que podemos ter?

 PENSA nas seguintes situacións da vida real. Néstor e a súa muller, María, querían servir onde se necesitasen máis publicadores. * Para conseguilo terían que facer algúns axustes e reducir os seus gastos. Non obstante, tiñan medo de non ser felices de verdade tendo menos cartos para vivir. Biniam vive nun país no que a nosa obra está prohibida. Cando se fixo testemuña de Xehová, deuse conta de que podería sufrir persecución. Isto deulle moito medo. Pero aínda tivo máis ó pensar en como reaccionaría a súa familia cando soubese da súa nova relixión. A Valérie diagnosticáronlle un tipo de cáncer moi agresivo, e foille moi difícil encontrar un médico que respectase as súas crenzas baseadas na Biblia sobre o uso do sangue. Como podemos imaxinar, tiña medo de morrer.

2. Por que é necesario que nos esforcemos por aprender a controlar os nosos medos?

2 Tiveches algunha vez esta clase de medos? Seguro que moitos de nós si. Se non aprendemos a controlar os nosos medos, é moi probable que tomemos malas decisións. Estas decisións incluso poderían ter un efecto negativo na nosa amizade con Xehová. Iso é o que Satanás quere. De feito, intenta usar eses medos para facer que desobedezamos a Xehová. Por exemplo, encantaríalle que deixásemos de predicar (Ap. 12:17). Satanás é un ser malvado, cruel e poderoso, pero podemos protexernos dos seus ataques. Como?

3. Que nos axudará a superar os nosos medos?

3 Unha maneira de non terlle medo a Satanás é estar convencidos de que Xehová nos ama e de que sempre nos axudará (Sal. 118:6). Por exemplo, o escritor do Salmo 118 afrontou varios problemas moi serios. Tiña moitos inimigos, e algúns deles eran persoas moi importantes (versículos 9 e 10). Ás veces, tivo que soportar moita tensión (versículo 13). Ademais, Xehová disciplinárao con firmeza (versículo 18). Aínda así, o salmista sentiuse motivado a cantar: “Non teño cousa que temer”. Por que se sentía así? Porque sabía que, aínda que Xehová o disciplinara, o seu Pai celestial queríao moito. Estaba convencido de que, sen importar a situación á que se enfrontase, o seu cariñoso Deus sempre estaría disposto a axudalo (Sal. 118:29).

4. Que medos podemos superar se estamos convencidos de que Xehová nos quere moito?

4 Temos que estar convencidos de que Xehová nos quere moito a cada un de nós. Isto axudaranos a superar tres medos ós que nos podemos enfrontar: 1) o medo a non ser capaces de coidar da nosa familia en sentido material, 2) o medo a outras persoas, e 3) o medo á morte. Os irmáns mencionados no primeiro parágrafo foron capaces de superar os seus medos porque estaban convencidos de que Deus os quería moito.

O MEDO A NON SER CAPACES DE COIDAR DA NOSA FAMILIA EN SENTIDO MATERIAL

Un irmán está pescando co seu fillo para poder manter a familia (ver o parágrafo 5).

5. Que situacións poderían causarlles moita preocupación ós cabezas de familia? (Ver a foto da portada da revista).

5 Os cabezas de familia cristiáns tómanse moi en serio a responsabilidade de manter a súa familia (1 Tim. 5:8). Se es cabeza de familia, pode que durante a recente pandemia che preocupase perder o teu traballo. Isto seguramente fixo que te preguntases como ías gañar o suficiente para comprar comida, ou para pagar a renda ou a hipoteca. Tamén pode que che preocupase como conseguir un emprego novo se perdías o que tiñas. Ou, como Néstor e María, quizais dubidases en facer axustes no traballo para vivir con menos cartos. Usando todos estes medos, Satanás conseguiu que moitos deixasen de servir a Xehová.

6. Que quere Satanás que creamos?

6 Satanás quere que creamos que non lle importamos a Xehová e que non nos vai axudar a coidar da nosa familia. Como resultado, poida que cheguemos á conclusión de que debemos facer o que faga falta para non perder o noso traballo, aínda que iso signifique pasar por alto os principios bíblicos.

7. Que puido asegurarnos Xesús?

7 Xesús coñece a Xehová moito mellor que calquera outra persoa. Por iso puido asegurarnos o seguinte: “Voso Pai ben sabe o que precisades xa antes de que llo pidades” (Mt. 6:8). Xesús tamén sabe que Xehová está disposto a darnos o que necesitemos. Como cristiáns, somos parte da familia de Deus. Xehová é o noso Cabeza de familia e, polo tanto, podemos estar seguros de que aplicará o principio que encontramos en 1 Timoteo 5:8.

Xehová asegurarase de que teñamos todo o necesario. Pode usar os irmáns para axudarnos (ver o parágrafo 8). *

8. a) Que nos axudará a superar o medo a non ser capaces de darlle á nosa familia o que necesita? (Mateo 6:31-33). b) Como poderiamos imitar a parella da fotografía que está compartindo a súa comida cunha irmá?

8 Estar convencidos de que Xehová nos quere moito a nós e á nosa familia axudaranos a non dubidar nunca de que sempre teremos todo o que precisemos (le Mateo 6:31-33). Xehová é xeneroso e cariñoso, e por iso quere darnos todo o necesario. Cando creou a Terra, fixo máis que simplemente darnos as cousas básicas para sobrevivir. Como nos quere moito, encheu a terra con cousas que nos permiten desfrutar da vida (Xén. 2:9). Mesmo se ás veces non temos máis que o básico, recordemos que o temos porque Xehová nolo deu (Mt. 6:11). Debemos ter sempre presente que calquera sacrificio material que teñamos que facer non é nada en comparación co que Deus nos dará, tanto agora coma no futuro. Esta foi a conclusión á que tamén chegaron Néstor e María (Is. 65:21, 22).

9. Que podemos aprender do exemplo de Néstor e María?

9 Néstor e María tiñan unha bonita casa e bos traballos en Colombia. Eles contan: “Queriamos simplificar a nosa vida e facer máis por Xehová, pero tiñamos medo de non ser felices se gañabamos menos cartos”. Que lles axudou a superar ese medo? Reflexionar nas moitas maneiras nas que Xehová lles demostrara que os quería. Isto fixo que se convencesen de que Deus sempre os coidaría. Como resultado, deixaron os seus traballos, venderon a súa casa e mudáronse a unha parte do país onde había máis necesidade de publicadores. Como se senten despois da súa decisión? Néstor di: “Puidemos comprobar o certas que son as palabras de Mateo 6:33. Nunca nos faltou nada en sentido material, e agora somos máis felices”.

O MEDO A OUTRAS PERSOAS

10. Por que non é raro que as persoas teñan medo unhas doutras?

10 A historia está chea de xente que fai dano a outras persoas (Ecl. 8:9). Quizais poidamos pensar nos que abusan da súa autoridade, en criminais que cometen actos violentos, en abusóns que insultan e ameazan a outros compañeiros de clase, e incluso nalgúns que maltratan a súa familia. Por iso non é raro que as persoas teñan medo unhas doutras. Como intenta usar Satanás este medo na nosa contra?

11, 12. Como utiliza Satanás o medo que lles poidamos ter a outras persoas?

11 Satanás intenta que lles teñamos tanto medo a outras persoas que deixemos de predicar ou de facer outras cousas que Xehová nos manda. Baixo a influencia do Demo, hai gobernos que prohibiron a nosa obra e tamén nos perseguiron (Lc. 21:12; Ap. 2:10). No mundo de Satanás, moita xente espalla información falsa e mentiras mal intencionadas acerca das testemuñas de Xehová. É posible que as persoas que crean esas mentiras se burlen de nós ou incluso nos ataquen fisicamente (Mt. 10:36). Verdade que non nos sorprenden as tácticas de Satanás? Por suposto que non! De feito, xa as utilizaba cos cristiáns do primeiro século (Feit. 5:27, 28, 40).

Incluso se a nosa familia se opón a que sirvamos a Xehová, podemos estar seguros de que El nos quere (ver os parágrafos 12 a 14). *

12 Pero a oposición dos gobernos non é a única arma que usa Satanás. Poida que a alguén lle preocupe moito como reaccionarán os seus familiares cando saiban que decidiu ser testemuña de Xehová. De feito, a algúns dálles máis medo iso que o maltrato físico que poidan sufrir. Quérenlle moito á súa familia e gustaríalles que eles tamén chegasen a coñecer e a amar a Xehová. Séntense moi tristes cando escoitan que os seus familiares falan mal do Deus verdadeiro e dos seus servos. Non obstante, ás veces algúns destes familiares finalmente aceptan a verdade da Biblia. Pero supoñamos que a nosa familia non quere saber nada de nós debido ás nosas novas crenzas. Como reaccionariamos?

13. Se a nosa familia nos rechaza, como nos axudará estar convencidos de que Deus nos quere moito? (Salmo 27:10).

13 As fermosas palabras de Salmo 27:10 (leo) poden animarnos moito. Cando pensamos en canto nos quere Xehová, non lle temos medo á oposición que poidamos afrontar. Ademais, estamos seguros de que bendicirá o noso aguante. Xehová coidará de nós en sentido físico, emocional e espiritual, e farao moito mellor que calquera outra persoa. Isto foi o que descubriu Biniam, o irmán do que falamos antes.

14. Que podemos aprender do exemplo de Biniam?

14 Biniam fíxose testemuña de Xehová a pesar de que sabía que podería ser cruelmente perseguido. Saber que Xehová o ama axudoulle a Biniam a non ter medo doutras persoas. El di: “A persecución do Goberno foi peor do que imaxinara, pero aínda lle tiña máis medo á oposición da miña familia. Temía que a miña decisión de ser testemuña de Xehová fixese que o meu pai non crente se sentise decepcionado e que a miña familia pensase que eu era un fracaso”. A pesar de todo, Biniam estaba convencido de que Deus sempre coida daqueles que ama. El explica: “Meditei en como Xehová axudara a outros a superar os problemas económicos, o prexuízo e a violencia da xente. Sabía que el me bendiciría se seguía do seu lado. Despois de ser arrestado moitas veces e incluso torturado, puiden experimentar de primeira man como nos axuda Xehová se lle somos leais”. Xehová converteuse nun verdadeiro Pai para Biniam, e o Seu pobo demostrou ser a súa verdadeira familia.

O MEDO Á MORTE

15. Por que é normal terlle medo á morte?

15 A Biblia recoñece que a morte é un inimigo (1 Cor. 15:25, 26). É posible que sintamos ansiedade ó pensar na morte, especialmente cando algún ser querido está moi enfermo. Por que lle temos medo á morte? Porque Xehová nos creou co desexo de vivir para sempre (Ecl. 3:11, TNM). Con todo, o medo a morrer pode protexer a nosa vida. Por exemplo, pode axudarnos a comer ben e a facer exercicio, a ir ó médico e a seguir un tratamento se fai falta, e a evitar poñer en perigo a nosa vida de xeito innecesario.

16. Como intenta Satanás aproveitarse do noso medo natural á morte?

16 Satanás sabe que valoramos moito a nosa vida. Non obstante, afirma que daremos todo o que teñamos para non morrer, incluso a nosa amizade con Xehová (Xob 2:4, 5). Pero está moi equivocado! Aínda así, é certo que Satanás pode acabar coa nosa vida. Por iso intenta aproveitarse do noso medo natural á morte para facer que deixemos de servir a Xehová (Heb. 2:14, 15). Nalgúns casos, persoas que están baixo a influencia do Demo quizais ameacen con matar a servos de Xehová se non renuncian á súa fe. Noutros casos, Satanás podería aproveitarse dunha emerxencia médica para facer que cedamos. Os médicos e outros familiares que non son testemuñas de Xehová poden tratar de convencernos para que aceptemos unha transfusión de sangue, o que iría en contra da lei de Deus. Mesmo poida que haxa quen intente que sigamos outro tratamento que non estea de acordo cos principios bíblicos.

17. De acordo con Romanos 8:37-39, por que non debemos terlle medo á morte?

17 Aínda que ningún de nós quere morrer, sabemos que Xehová non deixará de querernos aínda que perdamos a vida (le Romanos 8:37-39). Xehová non se esquece dos seus amigos que morren. De feito, para el é coma se estivesen vivos (Lc. 20:37, 38). Ademais, desexa resucitalos (Xob 14:15). Xehová pagou un prezo moi alto para que poidamos ter vida eterna (Xn. 3:16). Non hai dúbida de que Xehová nos quere moito e de que se preocupa por nós. Así que, en vez de deixar de servilo cando estamos enfermos ou a nosa vida corre perigo, buscamos nel consolo, sabedoría e forzas. Isto é xusto o que fixeron Valérie e o seu home (Sal. 41:4 [41:3, TNM]).

18. Que nos ensina o exemplo de Valérie?

18 Cando Valérie tiña 35 anos, diagnosticáronlle un cáncer moi agresivo e pouco común. Vexamos como lle axudou o amor a superar o medo á morte. Ela di: “Cando me dixeron que tiña cáncer, todo cambiou dun día para outro. A miña vida dependía de que me fixesen unha operación moi complicada. Consultei o tema con moitos médicos, pero todos se negaron a operarme sen sangue. Aínda que estaba moi asustada, coñecía o mandato de Deus sobre o sangue e nin se me pasaba pola cabeza aceptar unha transfusión. Ó longo da miña vida, Xehová mostroume o seu amor en moitas ocasións, e agora eu tiña a oportunidade de demostrarlle canto o quería. Cando me dan malas noticias, non me deixo vencer por Satanás e síntome máis motivada a facer todo o necesario para que Xehová estea orgulloso de min. Ó final, operáronme sen sangue e todo saíu ben. Aínda que sigo tendo problemas de saúde, Xehová sempre nos deu o que necesitabamos. Por exemplo, uns días antes de saber que tiña cáncer, analizamos na reunión da fin de semana o artigo ‘Afrontemos con valentía los golpes de la vida’. * Este artigo foi coma un salvavidas para nós. Lémolo unha e outra vez. Analizar artigos coma este e ter unha boa rutina espiritual deunos paz. Tamén nos axudou a ser equilibrados e a tomar boas decisións”.

SUPEREMOS OS NOSOS MEDOS

19. Que pasará moi pronto?

19 Coa axuda de Xehová, cristiáns de todo o mundo puideron superar os desafíos que afrontaron e opoñerse ó Demo (1 Pe. 5:8, 9). Ti tamén podes conseguilo. Moi pronto, Xehová mandaralles a Xesús e ós que gobernan con el que se encarguen de “acabar coas obras do demo” (1 Xn. 3:8). Despois disto, poderemos servir a Xehová na Terra, sen sentir ningún tipo de medo nin temor (Is. 54:14; Miq. 4:4). Pero, mentres non chega ese momento, temos que esforzarnos moito para superar os nosos medos.

20. Que nos axudará a superar os nosos medos?

20 Temos que seguir fortalecendo a nosa confianza en que Deus protexe os seus servos e en que os quere moito. Algo que nos axudará a facer isto é meditar e falar con outros sobre como protexeu Xehová os seus servos no pasado. Ademais, temos que ter presente como nos axudou a nós cando tivemos que afrontar situacións angustiosas. Podemos estar seguros de que coa axuda de Xehová seremos capaces de superar os nosos medos! (Sal. 34:5 [34:4, TNM]).

CANCIÓN snnw 154 Seguirei ata o final

^ Sentir medo ou temor é algo normal. De feito, pode protexernos dalgúns perigos. Pero non sempre é bo que teñamos medo. Por que? Porque Satanás pode usalo na nosa contra. Por iso é moi importante que nos esforcemos por controlar esa clase de medo. Que nos axudará a facelo? Neste artigo, veremos como podemos superar tódolos nosos medos se confiamos en que Xehová nos quere e nos axudará sempre que o necesitemos.

^ Cambiáronse algúns nomes.

^ DESCRICIÓN DA IMAXE: Un matrimonio lévalle comida a unha irmá moi traballadora da congregación e á súa familia.

^ DESCRICIÓN DA IMAXE: Os pais dun rapaz non queren que sirva a Xehová, pero el confía en que Deus lle axudará.